Monday 29 de April de 2024

Os corredores do CPIP Cernadas de Castro acollen os murais fotográficos do proxecto “As mulleres que nos constrúen”


Cada un dos 123 nenos e nenas, de entre 6 e 12 anos, compartiron unha fotografía dunha muller da súa familia e unha carta na que poñían en valor o seu labor

A concelleira de Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, visitou esta mañá o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro para comprobar o resultado do proxecto “As mulleres que nos constrúen”. Un proxecto promovido polo Concello de Lousame, en colaboración co centro educativo e Tarabela Creativa, e financiado a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e o Ministerio de Igualdade.

Na iniciativa participaron un total de 123 nenos e nenas de Lousame, de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. “O obxectivo deste proxecto era que a rapazada afondara na vida dunha muller da súa familia e puxera en valor o seu papel tanto no seo da familia como na sociedade na que vivimos”, explica Silvia Agrafojo, quen se amosou “moi gratamente sorprendida polo resultado xa que puidemos ver e ler cartas verdadeiramente fermosas nas que estes rapaces e rapazas recoñecían e agradecían todo o que as súas nais e avoas facían por eles e que moitas veces pasa desapercibido”.

“As mulleres que nos constrúen” é unha das actividades promovidas polo Concello de Lousame para conmemorar o Día da Muller. A outra iniciativa, a andaina polo río Vilacova para poñer en valor a figura das traballadoras das papeleiras lousamiás, quedou aprazada debido ao mal tempo, xa que as choivas caídas durante esta semana enlamaron o sendeiro. O Concello de Lousame ten previsto retomar a iniciativa antes de que remate este mes de marzo.